Friday 19 de April de 2024

Medio Rural cederá novo material ao concello de Cabanas para a loita contra a vespa velutina


O alcalde, Germán Castrillón, solicitou unha pértega para acceder aos niños máis altos do municipio

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, vén de reunirse co alcalde de Cabanas, Germán Castrillón, para tratar diversas cuestións relativas ao Concello, entre elas, a evolución da vespa velutina no municipio. A este respecto o rexedor solicitou a cesión dunha pértega para acceder aos niños máis altos, material que xa accedeu a facilitar a consellería dado que Cabanas é un concello colaborador no plan de loita contra este insecto.

En concreto, o persoal municipal de Cabanas ten retirado ou inactivado 136 niños no último ano. Por provincias, a incidencia da velutina segue a ser máis destacada no litoral atlántico. De feito, na provincia da Coruña destruíronse 11.253 niños en 2016.

Nesta comarca, xa contan con pértegas os concellos de Pontedeume e Mugardos que se utilizan tamén en municipios limítrofes e agora incorporarase tamén Cabanas. Ademais, coma novidade, o concello propón levar a cabo accións divulgativas entre escolares para que os rapaces teñan información ao respecto e actúen de xeito correcto no caso de detectar un niño. Deste xeito, dunha banda protexerase ás persoas ao coñecer como deben actuar e lóitase contra a propagación desta vespa a través da educación. En moitos casos confúndese a velutina coa vespa común de Galicia, o que está provocando que se eliminen individuos da nosa especie autóctona, a única que loita contra a invasora.

Noutro orde de cousas, o alcalde aproveitou o encontro para ratificar o seu compromiso con campañas da consellería como o da marca Galega 100%, que volverá estar presente en eventos de carácter deportivo e lúdico do concello este exercicio.